9.11.06

Software de edición

O primeiro: o mercado está repleto de aplicacións informáticas deseñadas para traballar con imaxe dixital. A máis popular, sen dúbida, é o Photoshop. Tanto é así que mesmo nas tertulias da prensa rosa se fala asiduamente do Photoshop (ou potochó, depende de quen tome a palabra) cando se trata de discernir ata que punto as fotos que se publican nas revistas están retocadas. Se tes curiosidade, bótalle un ollo a estas ligazóns:
Un vídeo ilustrativo , O antes e o despois de Madonna, Os políticos non sudan, O ministerio de Defensa e Photoshop, A familia real e os lunnis.

A posición de liderazgo que ocupa Photoshop no campo do deseño gráfico é comparable á que ocupan aplicacións tan coñecidas como Word, Excel, Google ou Autocad nos seus respectivos ámbitos. De todas formas, e tal e como se sinalou no artigo que abría este blog, non está prevista a utilización de Photoshop nesta actividade formativa. Velaí van as razóns:

  • Unha cuestión de tempo: ao ser unha ferramenta deseñada para un uso profesional, a curva de aprendizaxe é elevada.
  • As esixencias de hardware: Photoshop precisa un bo equipo para dar un rendemento aceptable. Se tomamos en consideración as posibilidades que pode ofrecer unha aula de informática dun centro de ensino, o prudente, cando menos de entrada, é buscar ferramentas menos pedichonas. Ben é verdade que nos queda a opción de instalar algunha versión antiga de Photoshop, que irá algo máis lixeira que as actuais.
  • O propósito do curso: de acordo coas súas especificacións, o noso curso non fai fincapé en aspectos relacionados co que se entende por retoque fotográfico. O que nos interesa é ser capaces de facer os axustes necesarios para poder utilizar unha fotografía como parte dun proxecto didáctico.
A nosa aposta, por tanto, terá que ser unha aplicación que nos dea as posibilidades suficientes para acadar o noso propósito a uns custos reducidos. A nosa elección vai ser o programa Picasa.

No hay comentarios: