31.10.06

El concepto es el concepto

Lembras a frase do título? Era a que repetía machaconamente Pazos (Manquiña) en Airbag. Neste artigo imos falar dalgúns dos conceptos que nos interesan para o noso curso.

Imaxe dixital:
ben sexa xerada polo ordenador ou creada a través dalgún instrumento de captura (cámara, escáner...), a imaxe dixital supón a tradución dos valores de luminosidade e cor a unha linguaxe que poida entender o ordenador, isto é, unha linguaxe dixital.
Píxel: elemento máis pequeno no que se descompón unha imaxe dixital. Un millón de píxeles fan un megapíxel. [máis] [máis]
Imaxes en mapa de bits: aquelas que están formadas por pequenos cadradiños (píxeles). [máis]
Imaxes vectoriais: imaxes descritas a partir de fórmulas matemáticas. Non experimentan perda de calidade ao seren ampliadas. [máis]
Resolución: cantidade de píxeles que describen unha imaxe dixital. Soe medirse en píxeles por pulgada (ppp). [máis] [máis] [máis]

23.10.06

Para empezar

Hoxe comezo a preparación do curso Aproveitamento didáctico da fotografía dixital, unha actividade de formación dirixida ao profesorado.
As especificacións do curso poden consultarse na páxina 265 do libro do Plan anual de formación do profesorado 2006-2007. Vou transcribir os obxectivos que se sinalan nese documento:

-Realizar un proxecto audiovisual de carácter didáctico,
desenvolvendo o proceso completo de deseño e produción, empregando imaxes fixas en distintos soportes dixitais.
-Empregar ferramentas de manipulación dixital de imaxes para integrar os resultados nun produto de intencionalidade didáctica.

Parece evidente, visto o anterior, que esta actividade está deseñada para que se desenvolva a un nivel práctico. O meu reto non vai ser facer acopio de material para falar durante horas -tampouco é o meu forte, todo hai que dicilo-, senón axudarche a mellorar a túa interacción coa computadora para realizar algunhas tarefas.
Agora mesmo estou traballando en varias ideas para ir configurando o cursiño. A primeira delas tela diante de ti, pois creo que sería unha tarefa interesante que elaborases un blog coma este que agora estás a ler. Se nunca fixeches un, non te preocupes; agora é moi doado poñelo na rede -uns minutiños e xa está creado- e cada vez é menos engorrosa a tarefa de subir fotografías. O resultado é unha ferramenta de pouco custo e bastante versatilidade, con gran potencial para transmitir información. Este artigo que estás a ler está ilustrado cunha das imaxes que recopilamos no meu centro con motivo dun certame de foto antiga. Por que non, e aí queda outra idea, aproveitamos a xogada para facer tamén a nosa particular colección de foto antiga? É doado e paga a pena.
Preocúpame o software co que imos traballar. Eu uso habitualmente Photoshop, que é unha referencia mundial, pero é un programa que ten unha curva de aprendizaxe un pouco alta e que, na miña opinión, está orientado a un segmento de público tirando a profesional. Para un usuario que busca xestionar as súas imaxes dixitais pode resultar excesivo. Esta tempada descubrín unha aplicación que creo nos vai que nin pintada. Pertence ao coloso Google e chámase Picasa: sinxela no seu uso, modernísima na súa interfaz, bastante polivalente e capaz de resolver dun plumazo algúns escollos tales como, por poñer un exemplo, o dos ollos bermellos. Ademais, e por se fose pouco, de balde.

A partir de agora irei perfilando o material e o programa do curso. O que si che podo adiantar son as premisas que guiarán o meu traballo:

-A eficacia: interésanos desenvolver un método que sexa resolutivo e nos conduza á consecución dos obxectivos do curso. Noutras palabras: o noso traballo debe verse plasmado en logros concretos.

-Unha política de redución de custos
, que se despregará a varios niveis:
  • Baixos custos de aprendizaxe: o curso dura apenas un mes; se queremos que sexa rentable a efectos prácticos, hai que aquilatar e optimizar os esforzos que os/as participantes invertirán en tarefas de aprendizaxe.
  • Baixos custos económicos: algunhas aplicacións de tratamento de imaxe son caras, mesmo na súa versión educativa. Para o noso propósito utilizaremos preferentemente programas de distribución gratuita ou aqueles que, como é o caso de Powerpoint, se atopan instalados en case todos os equipos de calquera aula de informática.
  • Mínimo impacto nas aulas de informática: a xestión das aulas de informática é un tema complicado. Moitos centros (o meu, sen ir máis lonxe) optan por utilizar sistemas que impiden a instalación de software a persoal non autorizado, preservando así a configuración dos ordenadores. Por outra banda, moitos equipos están ao límite da súa vida útil, á espera de que cheguen fondos para poder ilos renovando, polo que non se pode xeralizar o uso de programas esixentes. É interesante, por tanto, que a nosa práctica se axuste a esas limitacións e teña entre as súas prioridades a de non necesitar grandes recursos nin de software nin de hardware.

Espero que, coa colaboración de todos e todas, o curso sexa proveitoso e ameno. Un saúdo de benvida.