Para empezar

As especificacións do curso poden consultarse na páxina 265 do libro do Plan anual de formación do profesorado 2006-2007. Vou transcribir os obxectivos que se sinalan nese documento:
-Realizar un proxecto audiovisual de carácter didáctico, desenvolvendo o proceso completo de deseño e produción, empregando imaxes fixas en distintos soportes dixitais.
-Empregar ferramentas de manipulación dixital de imaxes para integrar os resultados nun produto de intencionalidade didáctica.
Parece evidente, visto o anterior, que esta actividade está deseñada para que se desenvolva a un nivel práctico. O meu reto non vai ser facer acopio de material para falar durante horas -tampouco é o meu forte, todo hai que dicilo-, senón axudarche a mellorar a túa interacción coa computadora para realizar algunhas tarefas.
Agora mesmo estou traballando en varias ideas para ir configurando o cursiño. A primeira delas tela diante de ti, pois creo que sería unha tarefa interesante que elaborases un blog coma este que agora estás a ler. Se nunca fixeches un, non te preocupes; agora é moi doado poñelo na rede -uns minutiños e xa está creado- e cada vez é menos engorrosa a tarefa de subir fotografías. O resultado é unha ferramenta de pouco custo e bastante versatilidade, con gran potencial para transmitir información. Este artigo que estás a ler está ilustrado cunha das imaxes que recopilamos no meu centro con motivo dun certame de foto antiga. Por que non, e aí queda outra idea, aproveitamos a xogada para facer tamén a nosa particular colección de foto antiga? É doado e paga a pena.
Preocúpame o software co que imos traballar. Eu uso habitualmente Photoshop, que é unha referencia mundial, pero é un programa que ten unha curva de aprendizaxe un pouco alta e que, na miña opinión, está orientado a un segmento de público tirando a profesional. Para un usuario que busca xestionar as súas imaxes dixitais pode resultar excesivo. Esta tempada descubrín unha aplicación que creo nos vai que nin pintada. Pertence ao coloso Google e chámase Picasa: sinxela no seu uso, modernísima na súa interfaz, bastante polivalente e capaz de resolver dun plumazo algúns escollos tales como, por poñer un exemplo, o dos ollos bermellos. Ademais, e por se fose pouco, de balde.
A partir de agora irei perfilando o material e o programa do curso. O que si che podo adiantar son as premisas que guiarán o meu traballo:
-Unha política de redución de custos, que se despregará a varios niveis:
- Baixos custos de aprendizaxe: o curso dura apenas un mes; se queremos que sexa rentable a efectos prácticos, hai que aquilatar e optimizar os esforzos que os/as participantes invertirán en tarefas de aprendizaxe.
- Baixos custos económicos: algunhas aplicacións de tratamento de imaxe son caras, mesmo na súa versión educativa. Para o noso propósito utilizaremos preferentemente programas de distribución gratuita ou aqueles que, como é o caso de Powerpoint, se atopan instalados en case todos os equipos de calquera aula de informática.
- Mínimo impacto nas aulas de informática: a xestión das aulas de informática é un tema complicado. Moitos centros (o meu, sen ir máis lonxe) optan por utilizar sistemas que impiden a instalación de software a persoal non autorizado, preservando así a configuración dos ordenadores. Por outra banda, moitos equipos están ao límite da súa vida útil, á espera de que cheguen fondos para poder ilos renovando, polo que non se pode xeralizar o uso de programas esixentes. É interesante, por tanto, que a nosa práctica se axuste a esas limitacións e teña entre as súas prioridades a de non necesitar grandes recursos nin de software nin de hardware.
No hay comentarios:
Publicar un comentario