12.11.06

O blog como recurso pedagóxico

Xa vimos noutro artigo o que é un blog. A diferencia máis importante entre unha páxina web convencional e un blog radica en que os blogs son actualizados de forma máis rápida e non requieren coñecementos previos de linguaxes de programación, xa que a meirande parte de sitios que ofrecen blogs de balde teñen plantillas feitas nas que é moi doado presentar a información que cada un queira publicar. Ademais, publicar e actualizar un blog non require o uso de ningunha ferramenta particular, de modo que se pode facer desde calquera equipo conectado a internet. En resumo, os blogs ou bitácoras son elementos extraordinariamente áxiles para transmitir información que fan posible que o usuario das comunicacións telemáticas se convirta nun suxeito activo a uns custos mínimos.
O fenómeno dos blogs está en plena fase de expansión, polo que se fai complicado facer un resumo do que un atopa pola denominada, e non sen pedantería, blogosfera. Vouche presentar, sen ánimo de entrar en sesudas disquisicións, algúns tipos de blogs de acordo co seu contido, exemplificados con bitácoras que podes atopar no blogomillo -ese sector da blogosfera que se expresa en galego-:

  • Blogs xornalísticos: abordan a actualidade, global ou local, e abren unha vía directa entre o editor e a audiencia. Exemplo: Galicia confidencial.
  • Blogs políticos: o formato áxil e directo da bitácora dá xogo para que os líderes políticos se acheguen distendidamente ao público. Exemplo: empezamos por Lalín, xa que en Lalín estamos, e agora compensamos con outra alternativa.
  • Blogs persoais: son a maioría. Non están suxeitos a temáticas nin a periodicidade. Cada un conta o que lle peta para un universo bastante concreto de lectores, cos que establece relación a través dos comentarios que estes lle insertan. Algunha bitácora deste tipo acaba convertíndose nun referente no mundillo; tal é o caso desta, aclamada pola calidade dos seus textos.
  • Blogs temáticos: permíteme que utilice como exemplos de blogs temáticos dous que a min me gustan moito [1, 2]. Nesta categoría poderían incluírse as bitácoras creadas como recursos educativos, un tema no que nos interesa profundizar.
  • O primeiro blog educativo galego no que reparei foi o do orientador Daniel Veiga Martínez. Gustoume a idea e gustoume a maneira de levala á práctica, e dese primeiro contacto surxiron algúns dos blogs que están ligados á páxina web do meu centro, que xa son bastantes: o noso blog de Orientación, o de EPA, o de Música (que xa lle deixou deberes ao alumnado) e o da Profe de inglés. Aínda que ningún destes blogs está orientado especificamente a temas de imaxe (fotografía, vídeo, debuxo...), todos fan uso dela: é obvio que a ninguén lle pasa desapercibido o poder da imaxe como elemento da comunicación.

No hay comentarios: