Bloggeando (II)
Xa temos a conta de correo en Gmail e o blog en Blogger. Na sección Os nosos bloggeiros (de nova creación) atoparás ligazóns ás bitácoras dos/das participantes desta actividade.
Agora é cuestión de facer do noso blog un instrumento útil para o noso traballo.
O que podemos facer (entre outras moitas cousas):
- Antes de nada, autentificarnos para poder facer cambios. Para iso, imos a http://www.blogger.com/ ou escribimos o enderezo do noso blog e activamos o botón ACCEDER.
- Por suposto, engadirlle contidos. Pódense crear novas entradas ou editar as xa publicadas.
- Ilustrar os textos con imaxes. Para facelo, basta con facer clic no icono etiquetado como AÑADIR IMAGEN. Podemos optar por subir unha imaxe desde o noso ordenador ou por poñer unha ligazón cunha imaxe xa publicada noutra páxina web. Se subimos as imaxes, non é mala idea pasalas antes por un programa de edición (Picasa, por exemplo) e exportalas cunha calidade baixa; desa maneira aceleramos considerablemente o proceso. Se eliximos poñer unha ligazón a unha imaxe que xa está na rede, imos necesitar o seu enderezo. Dependendo do navegador que usemos podemos obter ese dato dun ou doutro xeito. Unha receita que non falla: botón dereito sobre a imaxe --> clic en PROPIEDADES --> copiamos a DIRECCIÓN (URL).
- Utilizar as imaxes como ligazóns, é dicir, que a imaxe sexa ela mesma un hipervínculo. É moi doado: seleccionamos a imaxe cun clic --> pinchamos no icono etiquetado como VÍNCULO --> pegamos o enderezo correspondente.
- Resaltar o texto con opcións de formato: negriña, cursiva, cores, tipos de letra...
- Pór etiquetas: as etiquetas son útiles para ir agrupando os artigos segundo os temas que abordan. O apartado TEMAS deste blog que estás a ler é xerado automaticamente en función das etiquetas.
- Xestionar os comentarios: a opción de que os lectores poidan deixar comentarios é un elemento que lle dá vida a un blog. Agora ben, se nos trae problemas podemos anulala. Para facer os axustes correspondentes: OPCIONES --> COMENTARIOS.
- Modificar a plantilla introducindo novos elementos de páxina: listados de vínculos, listados de etiquetas, etc.
- Colgar arquivos no blog (uns apuntes, unhas actividades de recuperación que fixemos nós, etc.). Non é moi doado, pero pódese facer. Fixen esta guía en formato DOC (mellor aínda: aquí en PDF). Xa me dirás se é útil para ese propósito.
- Poñer unha ligazón a unha colección de fotos que xa está na web. Se queres probar, déixoche unhas instrucións.
- Non esquezas visitar a páxina de axuda de Blogger.
No hay comentarios:
Publicar un comentario