A nosa opción: Picasa
Picasa, como xa dixemos, vai ser o programa de edición de imaxe dixital que empregaremos nesta actividade. As razóns polas que o escollemos son as seguintes:
Accesibilidade: Picasa é unha aplicación de balde, de maneira que podemos tela instalada en calquera sitio sen problemas. Ademais, o peso do arquivo executable non chega aos 5 megas, polo que se pode descargar da rede en moi pouco tempo. A instalación non require moito espazo en disco nin moito tempo. Non é preciso rexistrala nin hai que utilizar clave. En definitiva, sen complicacións para poñela a andar en calquera momento.
Interfaz amigable: con esa expresión, tan propia do argot informático, quérese poñer en evidencia que o programa está orientado á facilidade de uso. Fronte a outras aplicacións que abruman coa cantidade de menús que despregan, Picasa ofrece un entorno de traballo bastante limpo, con poucas funcións pero moi ben ubicadas.
Organización: Picasa non só é un programa que edita fotos para preparalas para unha utilización posterior, senón que tamén as organiza. Os que temos cámara dixital -xa case todo mundo ten unha- sabemos que no noso disco duro se van acumulando centos de fotografías: enchemos a tarxeta de memoria e ímola baleirando, e non sempre o facemos dun xeito sistemático. O resultado, despois dun tempo, soe ser un maremagnum de arquivos e carpetas. O que fai Picasa é percorrer o disco duro e organizar esas carpetas, de xeito que acaban saíndo á luz fotos que un nin sabía que as tiña.
Algúns extras: Picasa trae algunhas posibilidades moi aproveitables. Uns exemplos:
-A posibilidade de facer un collage coas fotos (na ilustración deste artigo podes ver un collage no que o meu amigo Iván aparece flanqueado polas estrelas do Dépor).
-A opción de marcar as fotos favoritas para traballar só con elas.
-O pase de diapositivas.
-A creación dun álbum na rede (web album). De momento non experimentei con esa opción, entre outras cousas porque estou moi satisfeito con Flickr, o programa que utilizo para ese propósito. Se queres ver un exemplo do que fai Flickr, podes ir aquí.
-A posibilidade de gravar un CD.
-A función de producir un ficheiro de vídeo (AVI) coas fotografías que se seleccionen, que aparecen dotadas dun certo movemento. Mesmo se podería subir ese ficheiro a algún sitio web que permita o seu aloxamento e visionado. Seguro que o primeiro sitio que che vén á cabeza, se é que che vén algún, é o YouTube, recentemente adquirido por Google. Unha vez subido ao YouTube, o vídeo pode estar ligado ao noso blog ou páxina web. Déixoche dous exemplos de cómo facelo:
-Exemplo 1: Poñemos unha ligazón deste estilo: [Pincha aquí]
-Exemplo 2: Ligamos directamente o vídeo:
Nota: na sección Manuais deste blog podes acceder a un titorial do programa Picasa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario