29.11.06

Bloggeando (II)

Xa temos a conta de correo en Gmail e o blog en Blogger. Na sección Os nosos bloggeiros (de nova creación) atoparás ligazóns ás bitácoras dos/das participantes desta actividade.
Agora é cuestión de facer do noso blog un instrumento útil para o noso traballo.
O que podemos facer (entre outras moitas cousas):

  • Antes de nada, autentificarnos para poder facer cambios. Para iso, imos a http://www.blogger.com/ ou escribimos o enderezo do noso blog e activamos o botón ACCEDER.
  • Por suposto, engadirlle contidos. Pódense crear novas entradas ou editar as xa publicadas.
  • Ilustrar os textos con imaxes. Para facelo, basta con facer clic no icono etiquetado como AÑADIR IMAGEN. Podemos optar por subir unha imaxe desde o noso ordenador ou por poñer unha ligazón cunha imaxe xa publicada noutra páxina web. Se subimos as imaxes, non é mala idea pasalas antes por un programa de edición (Picasa, por exemplo) e exportalas cunha calidade baixa; desa maneira aceleramos considerablemente o proceso. Se eliximos poñer unha ligazón a unha imaxe que xa está na rede, imos necesitar o seu enderezo. Dependendo do navegador que usemos podemos obter ese dato dun ou doutro xeito. Unha receita que non falla: botón dereito sobre a imaxe --> clic en PROPIEDADES --> copiamos a DIRECCIÓN (URL).
  • Utilizar as imaxes como ligazóns, é dicir, que a imaxe sexa ela mesma un hipervínculo. É moi doado: seleccionamos a imaxe cun clic --> pinchamos no icono etiquetado como VÍNCULO --> pegamos o enderezo correspondente.
  • Resaltar o texto con opcións de formato: negriña, cursiva, cores, tipos de letra...
  • Pór etiquetas: as etiquetas son útiles para ir agrupando os artigos segundo os temas que abordan. O apartado TEMAS deste blog que estás a ler é xerado automaticamente en función das etiquetas.
  • Xestionar os comentarios: a opción de que os lectores poidan deixar comentarios é un elemento que lle dá vida a un blog. Agora ben, se nos trae problemas podemos anulala. Para facer os axustes correspondentes: OPCIONES --> COMENTARIOS.
  • Modificar a plantilla introducindo novos elementos de páxina: listados de vínculos, listados de etiquetas, etc.
  • Colgar arquivos no blog (uns apuntes, unhas actividades de recuperación que fixemos nós, etc.). Non é moi doado, pero pódese facer. Fixen esta guía en formato DOC (mellor aínda: aquí en PDF). Xa me dirás se é útil para ese propósito.
  • Poñer unha ligazón a unha colección de fotos que xa está na web. Se queres probar, déixoche unhas instrucións.
  • Non esquezas visitar a páxina de axuda de Blogger.

28.11.06

Antonio Taboada

Hoxe contaremos coa presenza de Antonio Taboada, un profesional da imaxe que traballa como cámara na Televisión Galega.
O obxectivo da sesión de hoxe é, naturalmente, o de aproveitar a formación e a experiencia de Antonio para profundizar no noso coñecemento e manexo da imaxe.
O formato da sesión vai responder, se todo sae ben, a unha fórmula que denominaremos coloquio/taller. Explícome: por unha banda, temos a oportunidade de plantexarlle ao experto as nosas dúbidas (técnicas para mellorar a captura de imaxes, consellos á hora de mercar unha cámara, etc.); por outra parte, aproveitaremos para facer algunhas prácticas.
Teño a intención de fotografiar e gravar en vídeo fagmentos da sesión de hoxe. O material obtido será utilizado en días posteriores.
Espero que disfrutes da tarde.

22.11.06

Bloggeando

Imos crear un blog. Na xornada de hoxe daremos os primeiros pasos e publicaremos algúns textos e algunhas fotos. Na seguinte sesión personalizarémolo con contidos que cada participante seleccionará en función dos seus intereses.
Os pasos para a creación do blog son os seguintes:

  • Dámonos de alta no servizo de correo de Gmail. Actualmente esa alta só se pode efectuar se se recibe unha invitación de parte dun usuario rexistrado. Se aínda non recibiches a invitación, terás que indicarme o teu actual enderezo electrónico para que cha remita (o meu correo: xdafonte@gmail.com).
  • Accedemos a Blogger (www.blogger.com), que é a ferramenta de publicación de blogs que eliximos.
  • Activamos a opción ACCEDA A LA VERSIÓN BETA DE BLOGGER. Nos campos USUARIO e CONTRASINAL utilizamos os datos de rexistro de Gmail.
  • Na pantalla que se nos abrirá seleccionamos a opción CREAR UN BLOG e cumprimentamos o formulario correspondente.
  • O seguinte paso é escoller unha plantilla. O blog xa estará creado e podemos empezar a traballar nel desde este momento.
A nosa tarefa para hoxe será publicar uns cantos artigos. Para esta operación imos usar os textos e as fotos que atoparás no CD que recibiches hai uns días (na carpeta adicada á memoria gráfica).
Imos alá!

18.11.06

Imos traballar con Picasa (II)

Saúdos. Este é o guión para a terceira sesión de traballo:

  1. Os requisitos de hardware como elemento crítico á hora de seleccionar unha aplicación como Picasa.
  2. Conceptos básicos para abordar o tratamento dixital dunha imaxe.
  3. Unha táboa de exercicios.

1. Picasa e os requerimentos de hardware.
Vexamos con datos o que van demandar do noso equipo (ou dos da aula de informática ou da sala de profesorado do centro, se é o caso) algunhas das aplicacións especializadas na imaxe dixital, ben sexa de fotografía ou de vídeo:

  • Adobe Photoshop [aquí]
  • Corel Paint Shop Pro [aquí]
  • Picasa [aquí]
  • Adobe Premiere (vídeo) [aquí]
  • Pinnacle Studio Version (vídeo) [aquí]
  • Magix Video Deluxe (vídeo) [aquí]

Para obter información dos dispositivos de hardware instalados no noso equipo podemos seguir esta secuencia (para Windows XP): Botón dereito en MI PC --> PROPIEDADES --> Revisar pestañas GENERAL e SOFTWARE.
Se se quere ter un coñecemento máis detallado dos elementos de hardware, é evidente que a solución á que te acabo de remitir queda curta. Hai no mercado aplicacións especializadas en elaborar informes moito máis precisos. Un exemplo: Everest.

2. Conceptos básicos para o tratamento dixital dunha imaxe.
Imos comentar os artigos que se inclúen na etiqueta Conceptos (apartado Temas) deste blog.

3. Exercicios con Picasa.

a. A chuleta de Fernando Alonso.
Por raro que pareza, as chuletas das que se axuda o bicampeón da Fórmula I para resolver as súas intervencións públicas son bastante rudimentarias. Así nolo demostran unhas fotos que publica un tal Juanra Martínez no seu blog. Imos facer o seguinte:
  • Buscamos no Google o artigo no que aparecen as fotografías.
  • Gardamos as 6 fotos publicadas nunha carpeta no escritorio á que imos chamar CHULETAS. Para gardar as imaxes, lembra que podes facer clic sobre cada unha co botón dereito e elixir o comando GUARDAR IMAGEN COMO. Podes gardalas como Alonso1, Alonso2, etc.
  • Abrimos Picasa. O programa recoñecerá a nova carpeta e as fotos que contén. Se así non fose, sempre se poden importar (ARCHIVO --> IMPORTAR DE --> SELECCIONAR DISPOSITIVO --> CARPETA)
  • Seleccionamos todas as imaxes da carpeta (podes usar o atallo Ctrl+T) e creamos un collage de imaxes (CREAR --> COLLAGE DE IMÁGENES). Gardámolo na carpeta CHULETAS que creamos antes.
  • De novo en Picasa, volvemos seleccionar todas as fotos da carpeta, incluída a do collage. Imos a CREAR --> PELÍCULA e utilizamos estes valores: retraso entre imaxes: 3 segundos; tamaño: pequeno; compresor: Indeo video 5.10; calidade: 50. Créase un vídeo chamado CHULETAS.AVI na carpeta MIS DOCUMENTOS/MIS IMÁGENES.
  • Copiamos ese vídeo á carpeta CHULETAS do escritorio.
  • En Picasa, modificamos o modo de presentación de acordo con esta secuencia: VISTA --> TÍTULO DE MINIATURA --> NOMBRE DE ARCHIVO.
  • Seleccionamos todas as fotos da carpeta e probamos a edición por lotes. Imos a IMAGEN --> EDICIÓN POR LOTES --> CAMBIAR NOMBRE e substituímos ALONSO por CHULETAS. Despois convertímolas a SEPIA.
  • Agora imos exportar as imaxes xa retocadas. Seleccionámolas (o vídeo incluído) e activamos o botón EXPORTAR. Os axustes da exportación serán os seguintes: modificar o tamaño a 800 píxeles; calidade de imaxe: 70%; exportar películas como TAMAÑO COMPLETO.
  • Deixamos Picasa e imos á carpeta na que se emprazan os elementos exportados, que será Mis documentos\Mis imágenes\Exportaciones de Picasa\CHULETAS. Entramos na carpeta, seleccionamos as fotos e o vídeo e comparamos o peso dos novos arquivos con respecto ao das imaxes orixinais.
  • Para rematar, facemos un arquivo comprimido coas fotos e o vídeo. Normalmente é suficiente con seleccionar os elementos que interesan e facer clic co botón dereito. No menú emerxente que se desprega aparecerá algún elemento como "Añadir a Chuletas.rar" ou "Add to Chuletas.zip".
  • Remites o arquivo final a este enderezo electrónico: xdafonte@gmail.com. Se houbera problemas á hora de facer o arquivo comprimido podes mandar cada elemento por separado.

b. Experimentamos coas fotos antigas.
  • Entramos en Picasa e seleccionamos 5 fotos antigas que nos gusten. Lembra que no CD que recibiches na sesión anterior hai donde escoller.
  • Facemos clic co botón dereito sobre unha delas e activamos AÑADIR ETIQUETA --> ETIQUETA NUEVA. Poñémoslle o nome de FAVORITAS. Comprobaremos que o Picasa reflicte a operación que acabamos de facer presentando en pantalla a nova etiqueta e que as imaxes non desaparecen da súa ubicación orixinal.
  • Abrimos cada unha das fotografías e ímolas sometendo a un tratamento específico. Farémolo á nosa vontade, procurando utilizar a fondo a riqueza de recursos que ofrece o programa.
  • Exportámolas seguindo o método descrito no exercicio anterior. Os valores poden ser os seguintes: modificar tamaño a 640 píxeles; calidade ao 50%. Comparamos o comportamento en pantalla das fotos exportadas coas orixinais. Abrimos zoom para ver as diferencias.

c. Eses olliños...
  • Seguimos en Picasa. Primeiro atendemos a un detalle de configuración que nos vai servir para ver os nomes das imaxes debaixo das miniaturas coas que se nos presentan. Para resolvelo, seguimos esta secuencia: VISTA --> TÍTULO DE MINIATURA --> NOMBRE DE ARCHIVO.
  • Buscamos a imaxe que leva por nome tom_chance_and_ntk_dave.jpg e abrímola.
  • Está claro que os ollos destes mozos precisan un amaño. Facémolo, mesmo repetindo a operación se vemos que así podemos mellorar o resultado.
  • Probamos outros axustes ata conseguir un resultado satisfactorio.
  • Repetimos a operación con esta outra fotografía: dscn18493qm.jpg
d. Se queda tempo, faremos algunhas prácticas co escáner.

16.11.06

Imos traballar co Picasa

Botaremos unhas horiñas retocando fotografías con Picasa, a aplicación que eliximos para esta fase do curso. Antes de nada, lémbroche que está á túa disposición un bo titorial do programa na sección Manuais deste blog, aínda que, como verás, Picasa é unha aplicación que basa boa parte do seu atractivo na facilidade de manexo que presenta.
Os pasos que seguiremos van ser os seguintes:

  1. Descarga e instalación: Dado o pequeno tamaño do executable de Picasa, é asumible descargalo da rede e instalalo, de modo que ese vai ser o noso punto de partida. Para localizalo só hai que teclear "Picasa" no buscador Google e, con case total seguridade, o primeiro resultado que ofreza será unha ligazón á páxina do programa (non é por casualidade: Google é a actual propietaria de Picasa). A instalación é totalmente transparente.
  2. Identificación de imaxes: o programa vainos propoñer localizar imaxes no noso ordenador, que é un dos seus puntos fortes. Aceptaremos e darémoslle o tempo necesario para completar a operación. O tempo invertido na localización e catalogación das carpetas de imaxe dependerá do seu volume.
  3. Axustes: Revisaremos os menús do programa e, despois de examinar o espazo de que dispoñemos no disco duro de cada ordenador, determinaremos en que unidade de almacenamento aloxaremos as imaxes que importemos. Fai clic aquí para saber o espazo co que contan as unidades de almacenamento do teu ordenador.
  4. Traballo coas imaxes: Insertaremos o CD de fotografías. O normal é que Picasa nos ofreza a posibilidade de importar as imaxes á carpeta designada para iso. Unha vez completado o proceso, só falta ir percorrendo as carpetas e probar as diferentes opcións.

12.11.06

Programa do curso

Déixoche o esquema do que vou partir para a organización do curso. Como é obvio, as circunstancias irán indicando as correccións que se deban ir introducindo.


  1. Presentación do curso. Materiais elaborados para o seu seguimento. Axustes da planificación. (1 sesión).
  2. Conceptos básicos da imaxe dixital. Software de edición: Picasa. Prácticas con elementos procedentes destas tres fontes: cámara dixital, escáner, internet. (2 sesións).
  3. A voltas coa foto dixital: recibiremos a visita dun profesional da imaxe dixital (cámara da TVG). Aproveitaremos para consultarlle todas aquelas dúbidas que temos á hora de utilizar as nosas cámaras. (1 sesión).
  4. Elaboración dun blog: rexistraremos un espazo web na plataforma blogger (www.blogger.com); despois faremos un blog xenérico sobre un tema proposto; por último, cada participante elaborará unha serie de artigos que se axusten aos seus intereses (áreas que imparte, cuestións relativas ao seu centro, traballo coa transversalidade, etc.). (2 sesións).
  5. Utilización de Powerpoint para a realización de presentacións electrónicas e/ou carteis para a impresión dixital. (1 sesión).
  6. Presentación de traballos. Conclusións. Valoración das actividades do curso. Avaliación. (2 sesións).
Nota: para desenvolver o punto 4 (creación dun blog), é interesante que dispoñas dunha conta de correo gmail. Dado que os rexistros en gmail se fan por invitación dun usuario, suxíroche que me remitas un correo electrónico para que eu che curse a túa invitación. O proceso de rexistro é moi sinxelo e rápido. O meu enderezo: xdafonte@gmail.com.

O blog como recurso pedagóxico

Xa vimos noutro artigo o que é un blog. A diferencia máis importante entre unha páxina web convencional e un blog radica en que os blogs son actualizados de forma máis rápida e non requieren coñecementos previos de linguaxes de programación, xa que a meirande parte de sitios que ofrecen blogs de balde teñen plantillas feitas nas que é moi doado presentar a información que cada un queira publicar. Ademais, publicar e actualizar un blog non require o uso de ningunha ferramenta particular, de modo que se pode facer desde calquera equipo conectado a internet. En resumo, os blogs ou bitácoras son elementos extraordinariamente áxiles para transmitir información que fan posible que o usuario das comunicacións telemáticas se convirta nun suxeito activo a uns custos mínimos.
O fenómeno dos blogs está en plena fase de expansión, polo que se fai complicado facer un resumo do que un atopa pola denominada, e non sen pedantería, blogosfera. Vouche presentar, sen ánimo de entrar en sesudas disquisicións, algúns tipos de blogs de acordo co seu contido, exemplificados con bitácoras que podes atopar no blogomillo -ese sector da blogosfera que se expresa en galego-:

  • Blogs xornalísticos: abordan a actualidade, global ou local, e abren unha vía directa entre o editor e a audiencia. Exemplo: Galicia confidencial.
  • Blogs políticos: o formato áxil e directo da bitácora dá xogo para que os líderes políticos se acheguen distendidamente ao público. Exemplo: empezamos por Lalín, xa que en Lalín estamos, e agora compensamos con outra alternativa.
  • Blogs persoais: son a maioría. Non están suxeitos a temáticas nin a periodicidade. Cada un conta o que lle peta para un universo bastante concreto de lectores, cos que establece relación a través dos comentarios que estes lle insertan. Algunha bitácora deste tipo acaba convertíndose nun referente no mundillo; tal é o caso desta, aclamada pola calidade dos seus textos.
  • Blogs temáticos: permíteme que utilice como exemplos de blogs temáticos dous que a min me gustan moito [1, 2]. Nesta categoría poderían incluírse as bitácoras creadas como recursos educativos, un tema no que nos interesa profundizar.
  • O primeiro blog educativo galego no que reparei foi o do orientador Daniel Veiga Martínez. Gustoume a idea e gustoume a maneira de levala á práctica, e dese primeiro contacto surxiron algúns dos blogs que están ligados á páxina web do meu centro, que xa son bastantes: o noso blog de Orientación, o de EPA, o de Música (que xa lle deixou deberes ao alumnado) e o da Profe de inglés. Aínda que ningún destes blogs está orientado especificamente a temas de imaxe (fotografía, vídeo, debuxo...), todos fan uso dela: é obvio que a ninguén lle pasa desapercibido o poder da imaxe como elemento da comunicación.

11.11.06

Técnica fotográfica

Neste artigo fago unha recompilación de textos que fun atopando pola rede nos que se aportan instrucións, trucos e consellos para mellorar o uso que facemos da nosa cámara. No apartado de ligazóns deste blog podes consultar documentos moi interesantes ao respecto.

Efecto de ollos bermellos: ver definición na Wikipedia / algúns trucos para que non aparezan / máis ideas / eliminalos con Photoshop / eliminalos con Picasa.

Uso adecuado do flash: diferentes axustes / efectividade. Queres ver exemplos de malos usos do flash? Aquí.

O trípode: le o que recomenda Deconet no seu consello número 9.

A insistencia: non te conformes con facer unha foto; fai moitas, xa escollerás cando as vexas no PC.

A cercanía: unha máxima dos fotógrafos é a de achegarse o máis posible ao suxeito, agás no caso de que se busquen efectos compositivos distintos.

A regla dos tercios: din os fotógrafos que non sempre temos que centrar todo o que fotografamos. Esta referencia compositiva aparece explicada, con numerosos exemplos, neste artigo de Eduardo Parra.

Non contra o sol: evita facer tomas contra o sol, a non ser que queiras obter unha silueta. En calquera outro caso, é mellor que a luz incida indirectamente sobre o suxeito.

"Negociar" os puntos de fuga: visita esta ligazón para manexar este recurso.

A "lei da mirada": o protagonista da fotografía debe ter máis espazo libre (aire) cara onde mira que ás súas costas, independentemente da amplitude do abarcado no encadre da toma. Un exemplo.

A "lei do movemento": cando fotografiamos objetos móbiles é importante que os captemos entrando na foto e nunca saíndo. Un exemplo.

A "lei do horizonte": moi ben explicadiña aquí.

Non uses o zoom dixital: o único que vale é o óptico, o producido polas lentes.

Ler o manual da cámara: nunca está de máis lembralo. :)

10.11.06

Internet: tamén un "almacén" de imaxes



Internet é unha beizón para calquera que precise facer uso da imaxe dixital. As ilustracións coas que se abre este artigo son un exemplo. Un compañeiro comentoume que precisaba facer un cartel cunhas determinadas especificacións. Tomei nota e decidín poñelo como tarefa nas clases de informática para persoas adultas. Determinamos que elaborariamos o cartel sobre un fondo fotográfico e puxémonos a buscar imaxes. O método que seguimos foi o seguinte:

  1. Entramos no buscador Google.
  2. Fixemos clic na pestaña Imaxes.
  3. Tecleamos varios argumentos de bbusca. Alguén escribiu o seguinte: "copa rota".
  4. A búsqueda deu varios resultados e escollemos a imaxe que ves arriba.
  5. Abrímola, fixemos clic sobre ela co botón dereito e pulsamos a opción denominada "Gardar imaxe como..."
  6. O resto do traballo está feito integramente en Photoshop (segunda imaxe de exemplo).

Nota 1: Google non é o único buscador. Se fixeramos a operación con Yahoo, por exemplo, teriamos obtido tamén parecidos resultados.

Nota 2: é importante, sobre todo se o traballo vai ser impreso en boa calidade, que optemos por imaxes de boa calidade e cun bo número de píxeles. En Google, por exemplo, podemos acceder a un menú despregable que acota as búsquedas segundo o tamaño da imaxe.

Nota 3: se queremos coller imaxes de internet directamente ao noso blog podemos facelo. Eu prefiro gardar a imaxe e subila despois, non vaia ser que a páxina onde se aloxaba desapareza ou o seu administrador decida retirar esa imaxe.

Nota 4: a secuencia copiar-pegar dá bos resultados cando non queremos facer modificacions na imaxe. Un xeito doado de facelo: clic co botón dereito sobre a imaxe que temos en pantalla --> seleccionamos a opción COPIAR --> clic co botón dereito sobre o documento de destino --> seleccionamos PEGAR.

Nota 5: a utilización libre do universo fotográfico que habita en internet entra frecuentemente en colisión con cuestións de orde legal. Aquí che deixo a testemuña dun cidadán cabreado.

Unha curiosidade final: cando o cartel estivo listo e se ensinou por aí, houbo quen me preguntou cantas copas rompín ata dar cunha foto así...

A nosa opción: Picasa

Picasa, como xa dixemos, vai ser o programa de edición de imaxe dixital que empregaremos nesta actividade. As razóns polas que o escollemos son as seguintes:

Accesibilidade: Picasa é unha aplicación de balde, de maneira que podemos tela instalada en calquera sitio sen problemas. Ademais, o peso do arquivo executable non chega aos 5 megas, polo que se pode descargar da rede en moi pouco tempo. A instalación non require moito espazo en disco nin moito tempo. Non é preciso rexistrala nin hai que utilizar clave. En definitiva, sen complicacións para poñela a andar en calquera momento.

Interfaz amigable: con esa expresión, tan propia do argot informático, quérese poñer en evidencia que o programa está orientado á facilidade de uso. Fronte a outras aplicacións que abruman coa cantidade de menús que despregan, Picasa ofrece un entorno de traballo bastante limpo, con poucas funcións pero moi ben ubicadas.

Organización: Picasa non só é un programa que edita fotos para preparalas para unha utilización posterior, senón que tamén as organiza. Os que temos cámara dixital -xa case todo mundo ten unha- sabemos que no noso disco duro se van acumulando centos de fotografías: enchemos a tarxeta de memoria e ímola baleirando, e non sempre o facemos dun xeito sistemático. O resultado, despois dun tempo, soe ser un maremagnum de arquivos e carpetas. O que fai Picasa é percorrer o disco duro e organizar esas carpetas, de xeito que acaban saíndo á luz fotos que un nin sabía que as tiña.

Algúns extras: Picasa trae algunhas posibilidades moi aproveitables. Uns exemplos:
-A posibilidade de facer un collage coas fotos (na ilustración deste artigo podes ver un collage no que o meu amigo Iván aparece flanqueado polas estrelas do Dépor).
-A opción de marcar as fotos favoritas para traballar só con elas.
-O pase de diapositivas.
-A creación dun álbum na rede (web album). De momento non experimentei con esa opción, entre outras cousas porque estou moi satisfeito con Flickr, o programa que utilizo para ese propósito. Se queres ver un exemplo do que fai Flickr, podes ir aquí.
-A posibilidade de gravar un CD.
-A función de producir un ficheiro de vídeo (AVI) coas fotografías que se seleccionen, que aparecen dotadas dun certo movemento. Mesmo se podería subir ese ficheiro a algún sitio web que permita o seu aloxamento e visionado. Seguro que o primeiro sitio que che vén á cabeza, se é que che vén algún, é o YouTube, recentemente adquirido por Google. Unha vez subido ao YouTube, o vídeo pode estar ligado ao noso blog ou páxina web. Déixoche dous exemplos de cómo facelo:
-Exemplo 1: Poñemos unha ligazón deste estilo: [Pincha aquí]
-Exemplo 2: Ligamos directamente o vídeo:



Nota: na sección Manuais deste blog podes acceder a un titorial do programa Picasa.

9.11.06

Software de edición

O primeiro: o mercado está repleto de aplicacións informáticas deseñadas para traballar con imaxe dixital. A máis popular, sen dúbida, é o Photoshop. Tanto é así que mesmo nas tertulias da prensa rosa se fala asiduamente do Photoshop (ou potochó, depende de quen tome a palabra) cando se trata de discernir ata que punto as fotos que se publican nas revistas están retocadas. Se tes curiosidade, bótalle un ollo a estas ligazóns:
Un vídeo ilustrativo , O antes e o despois de Madonna, Os políticos non sudan, O ministerio de Defensa e Photoshop, A familia real e os lunnis.

A posición de liderazgo que ocupa Photoshop no campo do deseño gráfico é comparable á que ocupan aplicacións tan coñecidas como Word, Excel, Google ou Autocad nos seus respectivos ámbitos. De todas formas, e tal e como se sinalou no artigo que abría este blog, non está prevista a utilización de Photoshop nesta actividade formativa. Velaí van as razóns:

  • Unha cuestión de tempo: ao ser unha ferramenta deseñada para un uso profesional, a curva de aprendizaxe é elevada.
  • As esixencias de hardware: Photoshop precisa un bo equipo para dar un rendemento aceptable. Se tomamos en consideración as posibilidades que pode ofrecer unha aula de informática dun centro de ensino, o prudente, cando menos de entrada, é buscar ferramentas menos pedichonas. Ben é verdade que nos queda a opción de instalar algunha versión antiga de Photoshop, que irá algo máis lixeira que as actuais.
  • O propósito do curso: de acordo coas súas especificacións, o noso curso non fai fincapé en aspectos relacionados co que se entende por retoque fotográfico. O que nos interesa é ser capaces de facer os axustes necesarios para poder utilizar unha fotografía como parte dun proxecto didáctico.
A nosa aposta, por tanto, terá que ser unha aplicación que nos dea as posibilidades suficientes para acadar o noso propósito a uns custos reducidos. A nosa elección vai ser o programa Picasa.

7.11.06

Axustes

Abrimos unha imaxe co noso programa de edición. Imos ver unhas cantas operacións básicas e moi sinxelas que poden levarse a cabo para melloralas ou axustalas ao noso propósito.

Brillo e contraste: este axuste afecta aos resaltados, medios tonos e sombras da imaxe. Utilízase normalmente para correxir imaxes demasiado oscuras ou claras.

Tono: é a cor mesma, que resulta da combiación das cores primarias. No modo RGB, que é o que usaremos habitualmente, as cores primarias son o bermello, o verde e o azul. As aplicacións informáticas especializadas no tratamento de imaxe dispoñen de controis para modificar este parámetro.

Saturación: a este parámetro tamén se lle chama pureza. Canto menor sexa a saturación dunha cor, maior tonalidade grisácea haberá e máis decolorado estará.

Exemplos:

Esta é a foto orixinal. Tan só se recortou un pouco e se lle deu algo de brillo.








Aquí subimos a saturación ao 100 %.









Neste exemplo baixamos o contraste practicamente a 0.

Profundidade de cor



Profundidade de cor: A profundidade de cor dunha imaxe refírese ao número de cores diferentes que pode conter cada un dos puntos ou píxeles que a forman, e depende da cantidade de información (número de bits) que pode almacenar un píxel.

Profundidade de cor Cores posibles Comentarios
1 bit por pixel 2 Arte Lineal (B&N). Modo Mapa de Bits
4 bits por pixel 16 Modo Escala de Grises
8 bits por pixel 256 Modo Escala de Grises. Modo Cor Indexada.
16 bits por pixel 65.536 High Color
24 bits por pixel 16.777.216 True Color. Modo RGB 8 bits por canle (8x3=24). Modo Lab 8 bits por canle.
32 bits por pixel 4.294.967.296 Modo CMYK

Unha imaxe a cor está tipicamente representada por unha profundidade de bits entre 8 e 32 bits. Nunha imaxe de 24 bits, os bits polo xeral están divididos en tres grupos (8 para o bermello, 8 para o verde e 8 para o azul). Para representar outras cores utilízanse combinacións deses bits, conseguíndose en total 16,7 millóns de valores de cor.

Peso dun arquivo: A cantidade de cores utilizadas na imaxe inflúe moito no tamaño do arquivo que a contén. Cantas máis cores se utilicen, máis grande será o tamaño do ficheiro gráfico. necesario. Loxicamente, no peso dun arquivo de imaxe incidirá tamén o número de píxeles que conteña. Esta é a razón pola que as cámaras dixitais máis modernas, que producen fotografías con maior número de píxeles, precisan tarxetas de almacenamento máis grandes.

Peso dun arquivo e internet: O peso dun arquivo gráfico é un elemento crucial á hora de subilo á rede: canto maior sexa, máis tempo nos leva operar con el e con máis rapidez se esgotan as posibilidades de almacenamento. Dado que a visualización en pantalla é moi pouco esixente en términos de calidade, é posible proceder a un recorte drástico desta sen que merme a eficacia da presentación e cunha mellora moi importante na velocidade de acceso.
Un exemplo: cando aloxei en Flickr a recopilación de imaxes antigas de Silleda que está disponible neste blog reducín dunha tacada (ou sexa, mediante a chamada edición por lotes) o peso de todas as imaxes mediante a aplicación Picasa. O resultado é unha colección de máis de 200 fotos que apenas pesan 10 megas, sen que se aprecie en pantalla ningunha perda significativa de calidade. O peso orixinal das imaxes superaba os 350 megas, unha cantidade desorbitada para o Flickr, que só concede 20 megas mensuais a cada conta de usuario.

Máis información:

6.11.06

A impresora

A pesar de que cada día é máis frecuente a utilización de medios electrónicos para ofrecer información (este blog é un exemplo), o papel segue a ser un soporte capital. Por tanto, a impresora é e vai seguir sendo un periférico do que non se pode prescindir.
No mercado doméstico predominan actualmente dous tipos de impresora: a de inxección ou chorro de de tinta, que imprime a cor, e a láser monocromática. Non hai que perder de vista as láser a cor, que ultimamente están baixando drasticamente os seus prezos.
Xa fóra do mercado doméstico, cómpre destacar dous tipos de impresora: o plotter, que traballa con grandes formatos de papel en rolo, o que fai ideal para cartelería, e a láser a cor profesional. Considero que esta última é unha boa opción para o acabado final dos nosos traballos. Ten o inconveniente de que nos esixe desprazarnos a un comercio especializado (o seu prezo excede as posibilidades dun usuario común), pero ofrece unha grande calidade a un custo por copia que, se botamos contas, pode ser mellor que o da impresora de chorro que temos na casa.
Precisamente é o prezo un dos elementos que máis hai que ter en conta á hora da impresión. O custo das máquinas redúcese pouco a pouco, ata o punto de que hai no mercado impresoras por debaixo dos 50 euros. O problema, e non pequeno, está nos consumibles: a pouco que nos descoidemos, deixamos unha impresionante factura en cartuchos de tinta e bastante basura difícil de reciclar.

Teño unhas imaxes. Que fago agora?

Imos partir dun suposto nada rebuscado: saímos coa nosa cámara dixital e agora estamos de volta cunhas poucas fotos na tarxeta. Antes que ningunha outra cousa, o que eu faría en primeiro lugar sería levalas a unha carpeta do disco duro do ordenador e repasalas para desfacerme das que non me interesasen. As tarxetas son un medio de almacenamento bastante seguro, pero non hai ningunha razón para acumular nela as fotos que nos interesa conservar.
Xa coas fotos a bo recaudo, toca agora revisalas co noso software de edición para facer uns axustes básicos: recortar, dar ou quitar brillo e contraste, mellorar a tonalidade, etc. Noutro artigo falaremos en detalle do software de edición.
A partir deste momento ábresenos un mundo de posibilidades: utilizar as fotos para ilustrar un texto en Word ou OpenOffice, acompañar unha táboa de Excel, protagonizar unha presentación de PowerPoint, animar un blog coma este que estás a ler ou a páxina web do teu centro, remitilas por correo electrónico, imprimilas, revelalas... O mesmo cabe dicir, por suposto, dunha imaxe obtida por medios tales como a dixitalización a través de escáner ou o volcado de internet.



Nas catro ilustracións superiores aplicamos diferentes axustes co programa Picasa, unha das moitas aplicacións de edición gráfica que inundan o mercado.

5.11.06

Formatos e soportes

En informática, un formato de almacenamento é un conxunto de reglas (algoritmo) que define a maneira correcta de almacenar datos en memoria.
Os formatos máis empregados para a imaxe dixital son os seguintes:
TIFF, JPEG e GIF. Se queres ver unha análise destes e doutros formatos, consulta a ligazón disponible ao final deste artigo. As cámaras dixitais arquivan polo xeral en JPEG; esta é unha das razóns polas que posiblemente JPEG é o formato máis utilizado.

En canto aos soportes de almacenamento, a imaxe dixital ten cabida en calquera medio dos que ofrece o mercado. Habería que descartar, en todo caso, ao disquete, que non ofrece capacidade suficiente para as necesidades mínimas actuais. Polo demais, calquera dispositivo pode ser útil: un disco duro -interno ou externo-, unha memoria USB, un CDROM, un DVD, un reproductor MP3... Por suposto, se manexamos unha cámara dixital empregaremos necesariamente unha tarxeta de memoria. Son bastantes os modelos de tarxeta dos que se dispón actualmente. O máis popular -tamén o máis económico- pode que sexa o denominado Secure Digital (SD), que é o que montan a maioría dos fabricantes de cámaras dixitais. As tarxetas xD-Picture Card son utilizadas nas cámaras de Olympus e de Fujifilm, mentres que nas SONY se instalan as Memory Stick (MS).
Creo que é moi recomendable adquirir un lector de tarxetas para descargar as fotos da nosa cámara. A meirande parte destes aparellos len e escriben nunha grande variedade de tarxetas e permítennos aforrar o engorro de ter que portar e enganchar cables de conexión. Mesmo se pode pensar, polo menos para tarxetas SD, na compra dun lector de reducidas dimensións que se pode levar no peto. Deste xeito, a nosa tarxeta pode convertirse nun pendrive cando nós o desexemos.

Máis información:

4.11.06

A cámara dixital

Empezo este artigo recomendándoche a consulta deste artigo da Wikipedia e das ligazóns que nel se ofrecen.
A diferencia esencial entre a cámara que ilustra este artigo e calquera dos moitos dispostivos dixitais que hoxe nos rodean é que estes últimos capturan as imaxes grazas a un sensor fotosensible que convirte a luz en información dixital.
Non é necesario falar aquí das posibilidades que abre a tecnoloxía dixital no campo da fotografía: son obvias para todos. A popularización do uso das cámaras dixitais, fortemente impulsada polo abaratamento das máquinas e polo espectacular incremento da súa calidade, está facendo posible que a foto electrónica estea a desprazar á tradicional en todos os ámbitos.

Unha das consecuencias que está traendo o desenvolvemento tan acelerado que experimenta a fotografía dixital é a proliferación de múltiples dispositivos:

-As cámaras dixitais: cada vez con máis megapíxeles (o argumento de ventas por excelencia), con máis funcións, máis versátiles (case todas as actuais rexistran audio e vídeo).

-As videocámaras dixitais: moitas delas levan unha tarxeta para gravar fotografías. Ademais, o software de edición de vídeo que se está a usar neste momento permite tratar indistintamente vídeo e fotografía, polo que se observa, na miña opinión, unha progresiva converxencia entre ambas disciplinas. Mira, por exemplo, estes vídeos: vídeo1, vídeo2, vídeo3; non teñen que ver nada entre si, agás no feito de que os tres están elaborados a partir de fotografías dixitais. Pola súa parte, practicamente todas as cámaras dixitais actuais permiten rexistrar secuencias de vídeo e audio.

-Os teléfonos móbiles: agora mesmo hai no mercado terminais de telefonía móbil que ofrecen cámara integrada con resolucións de 3,2 MP e -o que a min máis me sorprende- con zoom óptico, unha prestación impensable hai pouco tempo. Pronto entrarán en catálogo terminais que fotografían a resolucións de 5 MP.

-As PDA, as webcam... e o que veña.

Máis información:

2.11.06

Escáner

O escáner é o dispositivo que permite pasar a información que contén un documento a unha computadora, para deste xeito poder modificalo.
Este proceso transforma as imaxes a formato dixital, é dicir en series de 0 e de 1, podendo entón ser almacenadas, retocadas, impresas ou ser utilizadas para ilustrar un texto.

Pese á proliferación de dispositivos que captan directamente as imaxes en formato electrónico, o escáner segue a ser un periférico fundamental en calquera equipo informático. De seguido anoto algunhas consideracións que, segundo o meu criterio, deben ser tidas en conta á hora de traballar cun escáner:

-Mellor, todo dixital. Polo xeral, é preferible utilizar nos nosos traballos unha fotografía feita con cámara dixital que unha imaxe obtida desde un escáner. No tránsito do analóxico ao dixital prodúcense bastantes incidencias e non sempre é doado correxilas co software de retoque.
-Mellor, máis novo. Un escáner dos que hoxe se poden atopar no mercado vai dar unha calidade bastante superior a moitos modelos antiguos, sobre todo aos de marcas descoñecidas. Esta afirmación é válida tamén para as impresoras multifunción que se venden a menos de 100 euros, que constitúen unha boa compra para a meirande parte de usuarios/as.
-Hai que retocar. Unha imaxe escaneada debe ser sometida sempre a un proceso de edición.
-Os píxeles non o son todo. Unha resolución de 200 ppp (puntos por pulgada) é suficiente para unha dixitalización. Para os traballos que requiren alta calidade soen empregarse 300 ppp. Polo tanto, non te fixes tanto nas resolucións máximas que anuncian os fabricantes (ademais, minten bastante) como na calidade das ópticas que incorporan e na robustez do dispositivo.
-Traballas con negativos? Se queres dixitalizar negativos ou diapositivas cunha certa calidade vas necesitar un escáner de gama alta. De todas formas, poucas persoas conozo que fagan uso desa prestación.

Para ampliar información: